DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Martes, 11 de febreiro do 2014

Dos 29 proxectos presentados aos premios Incuvi-Emprende, seis instalaranse en Vigo e dous en Pontevedra

Oito novos valentes sen medo a emprender

Nesta terceira edición entregáronse por primeira vez accésits que compartirán espazos de coworking


Image“O máis difícil é comezar”, recoñecía unha das gañadoras da pasada edición dos Premios Incuvi-Emprede, “pero con ilusión, paixón e traballo podedes converter as vosas afeccións na vosa profesion”. Este foi un dos consellos que Débora Franco lles deu aos novos inquilinos da incubadora universitaria, froito da súa estadía nela durante o pasado ano co seu proxecto Monet. De bo seguro que os seis premiados do campus de Vigo e dous de Pontevedra tomarán boa nota das recomendacions para que as súas iniciativas empresariais que agora arrancan cheguen a bo porto. En total, a terceira edición dos Premios Incuvi-Emprende seleccionaron oito empresas dun total de 29 proxectos presentados e, por primeira vez, tamén se seleccionaron seis accésits que compartirán espazos de coworking tanto no campus de Vigo coma en Pontevedra.

Os novos inquilinos da incubadora universitaria

M. Del Río | Vigo
“O máis difícil é comezar”, recoñecía unha das gañadoras da pasada edición dos Premios Incuvi-Emprede, “pero con ilusión, paixón e traballo podedes converter as vosas afeccións na vosa profesion”. Este foi un dos consellos que Débora Franco lles deu aos novos inquilinos da incubadora universitaria, froito da súa estadía nela durante o pasado ano co seu proxecto Monet. De bo seguro que os seis premiados do campus de Vigo e dous de Pontevedra tomarán boa nota das recomendacións para que as súas iniciativas empresariais que agora arrancan cheguen a bo porto. En total, a terceira edición dos Premios Incuvi-Emprende seleccionaron oito empresas dun total de 29 proxectos presentados e, por primeira vez, tamén se seleccionaron seis accésits que compartirán espazos de coworking tanto no campus de Vigo coma no de Pontevedra.

No acto de entrega dos premios, o reitor recoñecería a importancia de que a cultura emprendedora vaia “permeando entre os estudantes da Universidade". Salustiano Mato destacou que nas tres edicións de Incuvi-Emprende se presentaron preto dun centro de novas empresas a esta convocatoria e non só do eido tecnolóxico, senón que cada vez se diversifica máis o seu ámbito de procedencia. Estes premios seleccionan as mellores propostas emprendedoras para darlles acubillo na pre-incubadora do campus de Vigo e en dous espazos cedidos por AJE en Pontevedra, ofrecendo unha contorna segura e controlada onde os universitarios poden dar os seus primeiros pasos como empresarios. Nestas instalacións terán, durante un ano, cubertos gastos como telefonía ou internet así como asesoramento e un bono de formación por valor de 1000 euros para cada un dos promotores das iniciativas gañadoras por cortesía da Escola de Negocios NovaCaixaGalicia.

Esta iniciativa, á que na pasada edición se presentaron 33 proxectos, naceu en 2011 da man da Vicerreitoría de Transferencia do Coñecemento coa finalidade de promover o emprendemento universitario e o autoemprego, formando e asesorando aos futuros empresarios, para que os coñecementos acumulados durante os seus anos de estudos se visen reflectidos en cousas prácticas, nun produto ou servizo que exemplifique os conceptos de transferencia e de innovación. Para isto a Universidade conta coa colaboración de empresas e entidades como o Consorcio Zona Franca, Autoridade Portuaria de Vigo, NovaGalicia Banco, Banco Santander -a través da súa División Santander Universidades-, PSA Peugeot Citröen, Fundación NovaCaixaGalicia, AJE, Blusens, R, CaixaBank, BBVA, Movistar e Siga98.

Ao acto de entrega de diplomas asistiu o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, que loou esta iniciativa porque axuda a pór en valor os coñecementos dos estudantes e afianza a “necesaria relación universidade-empresa”. Por isto considera que esta “práctica excelente debe ser imitada polas demais universidades, para axudar aos alumnos e alumnas a adaptarse aos tempos, a evolucionar e a conciliar a teoría coa práctica, a procurar o autoemprego e a anticiparse coas súas ideas emprendedoras ao que o mundo vai necesitar no futuro”. O reitor, que agradeceu a colaboración das empresas patrocinadoras, recoñeceu que estes mozos e mozas se atopan “probablemente nun dos seus momentos máis creativos, que é cando hai que converter ideas en realidades”. A todos eles, gañadores, accésits e resto dos estudantes presentados, lembroulles que sempre terán o apoio que precisen na súa Universidade e felicitounos, igual que o fixo Díez de Castro e a directora da EGAP, Sonia Rodríguez.

Os novos inquilinos da incubadora universitaria
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós