DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Venres, 28 de febreiro do 2014

Albino Prada publica a crónica do beneditino galego na Australia colonial do século XIX

Rescatando a Rosendo Salvado, “un xigante invisible tras os eucaliptos”

A publicación distribuirase este sábado 1 de marzo co xornal La Voz de Galicia ao prezo de 2 euros


Image“Rosendo Salvado é un xigante porque dedicou a súa vida a demostrar con feitos tanxibles que os aborixes australianos eran tan humanos como os europeos e que, por selo, non merecían o prosaico destino dos animais salvaxes. Esa foi a súa tarefa en Australia; o eucalipto, unha mera anécdota”. Así describe o profesor Albino Prada a figura do beneditino tudense Rosendo Salvado, un “valente” que dedicou a súa vida (1846-1899) a loitar contra a segregación racial na Australia colonial do século XIX. Este sábado cúmprense 200 anos do seu nacemento e, con este motivo, o profesor Albino Prada publica unha breve crónica ilustrada co relato do seu empeño.

D. Besadío | Vigo
“Rosendo Salvado é un xigante porque dedicou a súa vida a demostrar con feitos tanxibles que os aborixes australianos eran tan humanos como os europeos e que, por selo, non merecían o prosaico destino dos animais salvaxes. Esa foi a súa tarefa en Australia; o eucalipto, unha mera anécdota”. Así describe o profesor Albino Prada a figura do beneditino tudense Rosendo Salvado, un “valente” que dedicou a súa vida (1846-1899) a loitar contra a segregación racial na Australia colonial do século XIX. Este sábado 1 de marzo cúmprense 200 anos do seu nacemento e, con este motivo, o profesor do Departamento de Economía Aplicada Albino Prada publica, dentro da Biblioteca Gallega do xornal La Voz de Galicia, unha breve crónica ilustrada co relato do seu empeño.

“É unha figura recoñecida en Australia pero aínda un gran descoñecido en Galicia”, subliña o docente vigués, que explica que a biografía pode adquirirse neste 1º de marzo de maneira conxunta coa Voz de Galicia a un prezo de 2 euros. “Eu cheguei a el case por casualidade”, explica Prada, que recoñece que o seu interese por este personaxe nace a raíz da presentación da súa tese de doutoramento, un estudo centrado nos aspectos económicos do sector forestal en Galicia. “A partires de aí e consultando diferente documentación descubrín que había un montón de documentación absolutamente descoñecida”, subliña Prada, que agora saca á luz parte de toda esta documentación baixo o título Crónica desde el país de los sin alma. Rosendo Salvado en Australia 1846- 1899.

Moi valorado en Australia, descoñecido na súa terra

Cando preguntaba por el a amigos e coñecidos , Prada comprobou que os poucos que coñecían a súa existencia esta quedaba asociada a ser o monxe que trouxo os primeiros eucaliptos australianos a Galicia, “por iso creo que Rosendo Salvado leva dos séculos sepultado baixo unha xigantesca montaña de ramas e follas de eucalipto”. De todas maneiras, a xuízo do autor da crónica “non está claro si as sementes que enviou Rosendo foron as primeiras e si que está demostrado que non foron as únicas”. En todo caso, o economista fai fincapé en que o evidente é que el non foi responsable do abuso que logo se fixese de tal especie e, “o máis preocupante, é que esa anécdota escureza unha traxectoria brillante”.

Singular beneditino, abade e bispo, cando Salvado chegou a Australia os negros aborixes estaban a ser desprazados das súas terras por colonos europeos que as acaparaban para a gandería. Ao chegar alí Rosendo Salvado atopouse con toda unha serie de tribus cazadoras recolectoras que levaban miles de anos con ese réxime de vida e a irrupción dos colonos recén chegados trastocou todo o seu mundo. Neste senso Albino Prada explica como nin as autoridades inglesas da colonia, nin as sucesivas ordes relixiosas que o intentaron conseguiron transformar aos negros australianos de cazadores en gandeiros, de recolectores en agricultores. “Só na misión e mosteiro levantados por Rosendo en Nueva Nursia se puido comprobar que aqueles presuntos salvaxes eran en realidade pobos cunha cultura milenaria perfectamente adaptado ao seu territorio, que eran capaces de asimilar a cultura occidental e que podían ser hábiles agricultores ou gandeiros nas súas terras”, explica Albino Prada.

Precursor de personaxes como Nelson Mandela ou Vicente Ferrer

“Rosendo Salvado é autor dunha pericia de alcance global e todo o que fixo ten un enorme valor actual”, recalca Albino Prada, que sitúa a este ilustre galego como “precursor de personaxes como Nelson Mandela ou Vicente Ferrer”, con quen compartiu a idea da loita contra a segregación racial, pola convicción igualitaria e a reconciliación.

“Comparte con Nelson Mandela o ter loitado activamente contra o apertheid, a exclusión e o exterminio dos negros aborixes, australianos ou surafricanos, segundo o caso”, subliña Prada, ao que engadiu que con Vicente Ferrer úneo “ter levado á terras dos nativos, australianos ou indios, as ferramentas culturais, sanitarias, de vivenda... que favoreceron a digna supervivencia dos pobos aos que se achegan”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós