DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 31 de marzo do 2008

Os complexos enzimáticos permiten tratar residuos mediante procesos biotecnolóxicos

Nesta dirección apunta Alberto Domínguez coa súa tese de doutoramento


Image As enzimas producidas por diversos microorganismos poden ser utilizadas para o tratamento de residuos mediante procesos biotecnolóxicos, o que permiten reducir o impacto ambiental debido ó desenvolvemento industrial. Esta é a conclusión á que chegou o investigador Alberto Domínguez trala realización da súa tese de doutoramento, presentada recentemente na Facultade de Química. O principal obxectivo que Domínguez se propuxo nestes estudo foi buscar alternativas biolóxicas aos sistemas tradicionais de degradación de contaminantes.

Image Romina Vázquez | Vigo
As enzimas producidas por diversos microorganismos poden ser utilizadas para o tratamento de residuos mediante procesos biotecnolóxicos, o que permiten reducir o impacto ambiental debido ó desenvolvemento industrial. Esta é a conclusión á que chegou o investigador Alberto Domínguez trala realización da súa tese de doutoramento, presentada recentemente na Facultade de Química.
O principal obxectivo que Domínguez se propuxo nestes estudo foi buscar alternativas biolóxicas aos sistemas tradicionais de degradación de contaminantes, que son pouco eficaces nos casos estudiados co conseguinte impacto no medio ambiente. Para isto dividiu o seu estudo en dúas partes, centrándose en primeiro lugar na análise das enzimas ligninolíticas, que son as responsables da degradación de lignina na natureza, e investigando a continuación as enzimas lipolíticas, implicadas na destrución de compostos grasos.
A decoloración de tintes industriais e a degradación de hidrocarburos como o benzopireno é posible a través dos “fungos ligninolíticos Phanerochaete chrysosporium e Trametes versicolor, que son os máis coñecidos dentro dos denominados de podredumbre branca da madeira”, tal como apunta o investigador, que engade que “o principal reto no cultivo deste tipo de fungos estivo en atopar as condicións de cultivo que favorecen a produción das sustancias clave implicadas no proceso degradativo”.
Nunha segunda parte do traballo, Alberto Domínguez centrouse en analizar a capacidade das enzimas lipolíticas para romper os enlaces éster, implicados na destrución de compostos grasos e de poliésteres, de moi común utilización na sociedade actual.
As conclusións deste estudo permiten afirmar que “certos tipos de levaduras mesófilas son capaces de degradar aceites usados en frituras e, pola súa banda, algunhas bacterias termófilas poden ser útiles para rachar os enlaces de poliésteres”, apunta Domínguez.

O currículo do investigador

Numerosos traballos científicos publicados, comunicacións presentadas en congresos e proxectos de investigación avalan a traxectoria profesional de Alberto Domínguez, licenciado en Ciencias Químicas pola Universidade de Vigo, da que chegou a ser profesor titular durante o curso 2001-2002.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós