DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 01 de abril do 2014

Votaron preto de 2000 persoas dun censo total de 22.497

Salustiano Mato revalida o seu cargo nunhas eleccións marcadas pola baixa participación

Alternativa Universitaria obtivo os seus mellores resultados no campus de Pontevedra


ImageSalustiano Mato continuará á fronte da Universidade de Vigo os próximos catro anos, no que será o seu segundo mandato consecutivo. Nunha xornada electoral marcada pola existencia dunha única candidatura a reitor, a de Alternativa Universitaria representada por Mato, e pola ausencia de votacións a Claustro nos sectores PDI A, PDI B e estudantes en varios centros e facultades dos tres campus, un total de 1950 persoas emitiron os seus votos, o que sitúa a porcentaxe de participación nun 8,6%, un 14% menos que hai catro anos. Neste proceso que o reelixido reitor cualificou de “atípico”, emitíronse 908 votos en branco, 751 para a candidatura de Alternativa Universitaria e 291 nulos, rexistrándose 1106 no campus de Vigo, 545 no de Ourense e 299 en Pontevedra.

Duvi | Vigo/Ourense/Pontevedra
Salustiano Mato continuará á fronte da Universidade de Vigo os próximos catro anos, no que será o seu segundo mandato consecutivo. Nunha xornada electoral marcada pola existencia dunha única candidatura a reitor, a de Alternativa Universitaria representada por Mato, e pola ausencia de votacións a Claustro nos sectores PDI A, PDI B e estudantes en varios centros e facultades dos tres campus, un total de 1950 persoas emitiron os seus votos, o que sitúa a porcentaxe de participación nun 8,6%, un 14% menos que hai catro anos. Neste proceso que o reelixido reitor cualificou de “atípico”, emitíronse 908 votos en branco, 751 para a candidatura de Alternativa Universitaria e 291 nulos, rexistrándose 1106 no campus de Vigo, 545 no de Ourense e 299 en Pontevedra.

Pasadas as 20:30 horas e co reconto de votos finalizado, Salustiano Mato, que seguiu a evolución dos resultados acompañado polo seu equipo de goberno, incidiu no “esperable” dunha participación tan baixa como a rexistrada nestes comicios, marcados tanto polo feito de que non houbese candidaturas alternativas á do propio Mato, como pola ausencia de votacións a Claustro nun importante número de centros. Coñecidos os resultados, o xa reelixido reitor manifestou o seu compromiso “de seguir co traballo que iniciamos e co ánimo de cumprir co proxecto que deseñamos para oito anos” e que Mato concretou en “poñer á Universidade no mundo, conseguir novos fitos e que desenvolva todo o seu potencial internacional e sexa dona de si mesma”. O reitor en declaracións aos medios asegurou que os votos en branco rexistrados “significan moitas cousas, desde o escepticismo, a unha expresión de neutralidade, un voto de castigo … , pero cun denominador común e que é que a xente foi votar e participou” un aspecto sobre o que lembrou foi moi insistente durante toda a campaña electoral. Coa vista posta no futuro máis inmediato, Mato asegurou que tras rematar a presente lexislatura, será despois da Semana Santa cando previsiblemente comece a traballar o novo equipo e a definirse o que cualificou como “segundo piso de actuación” coa parte técnica, Xerencia e áreas. En canto á súa toma de posesión e á espera de pechar unha data concreta coa presidencia da Xunta, o reelixido reitor apuntou a finais deste mes de abril.

Trala reelección de hoxe, Mato convértese no quinto reitor da historia da Universidade de Vigo tras Luís Espada, José Antonio Rodríguez, Domingo Docampo e Alberto Gago. Pola súa banda, Alternativa Universitaria revalida o seu mandato por quinta vez consecutiva.

A xornada electoral en cifras

Os datos de participación deixan unha cifra do 8,66%, substancialmente máis baixa respecto ás eleccións de 2010, cando esta cifra ascendeu ao 23%. Por sectores, participaron o 66,6% dos electores do sector A; o 29,4% do sector B; o 2,9% do C e o 65,5 do sector D. Nesta cita coas urnas emitíronse un total de 1950 votos: 908 en branco, 751 para o candidato Salustiano Mato e 291 nulos. Por campus, votaron 545 persoas en Ourense, 299 en Pontevedra e 1106 en Vigo.

Dos votos recibos polo único candidato a reitor, 286 votos foron emitidos polo sector A, 104 polo B, 164 polo C e 197 polo D. Por campus, Mato recibiu o apoio de 177 persoas no campus de Ourense, 155 no de Pontevedra e 419 no de Vigo. No campus de Vigo, o candidato obtivo os seus mellores resultados en centros como Ciencias do Mar (31 dos 50 votos emitidos), Enxeñaría de Minas (41 de 87), Ciencias Económicas e Empresariais (64 de 150) e Filoloxía e Tradución (39 de 85). No tocante ao campus de Ourense, os mellores resultados de Alternativa Universitaria obtivéronse en Dereito e Historia, mentres en Pontevedra viñeron de Ciencias Sociais e da Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte.

A lectura dos resultados en Ourense

No campus de Ourense, os grandes protagonistas da xornada foron tamén a baixa participación e o voto en branco. Votaron nestas eleccións 545 membros da comunidade universitaria do campus, 237 deles estudantes, 219 docentes e investigadores e 89 traballadores de administración e servizos. “Ao haber unha soa candidatura ás eleccións, a mobilización da comunidade universitaria foi difícil polo que hai que valorar a implicación daqueles que quixeron votar e decidir sobre o futuro da Universidade”, destacou Virxilio Rodríguez, candidato a vicerreitor do campus de Ourense.

Dos 545 votos depositados nas urnas, 293 foron brancos, 177 a favor da candidatura de Salustiano Mato e 75 nulos. O voto a favor do candidato a reitor foi maioritario entre o conxunto do PAS, nas facultades de Dereito e Historia, entre o alumnado de Ciencias Empresariais e Turismo e no sector B da Facultade de Ciencias. O voto en branco foi maioritario na Escola Superior de Enxeñaría Informática, na Facultade de Ciencias da Educación, no PDI da Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo e no estudantado e PDI doutor con vinculación permanente á Universidade da Facultade de Ciencias. Con 150 votos de docentes, investigadores e alumnado, este último centro foi o máis participativo nestas eleccións.

“A lectura que fago dos resultados no campus de Ourense é que temos que traballar e traballar arreo. É necesario implicar máis á comunidade universitaria nas actividades, no goberno da institución e no seu futuro”, subliñou Virxilio Rodríguez. Con estes obxectivos en mente, recalcou, desde a Vicerreitoría do campus de Ourense vaise a traballar desde o inicio do novo mandato por desenvolver “unha política presidida polo diálogo, polo diálogo constante con todos os actores da comunidade universitaria e da contorna”. Este diálogo e esta implicación da comunidade universitaria será fundamental, apuntou, para desenvolver e consolidar o proxecto estrela do campus de Ourense os vindeiros anos, o Campus da Auga, o seu proxecto de especialización interdisciplinar arredor dos recursos hídricos.

Alternativa Universitaria supera ao voto en branco en Pontevedra

Un total de 299 integrantes da comunidade universitaria pasaron nesta xornada polas urnas no campus de Pontevedra, onde Alternativa Universitaria obtivo 155 dos 262 votos válidos emitidos, superando as súas papeletas aos votos en branco en todos os sectores. Concretamente, o candidato a reitor obtivo 51 votos do PDI doutor con vinculación permanente á Universidade, 27 do resto do PDI, 29 do PAS e 48 do estudantado. No tocante aos centros, Salustiano Mato recibiu o maior apoio na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde foi votado por 49 das 63 persoas que participaron neste proceso, entre elas 23 dos 24 alumnos e alumnas que emitiron o seu voto no centro. No lado contrario, o estudantado da Facultade de Belas Artes decantouse maioritariamente polo voto en branco (19 fronte a 6) e este centro converteuse no único do campus no que os votos en branco superaron ás papeletas do único candidato. Nuns comicios marcados pola baixa participación, Alternativa Universitaria obtivo 59 votos na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde se rexistraron 45 votos en branco e 22 nulos; 13 de 23 na Facultade de Fisioterapia e 10 de 23 na Escola de Enxeñaría Forestal.

Tras coñecer estes datos, o candidato a vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, expresou a súa satisfacción “cuns resultados que amosan un apoio maioritario en todos o sectores do campus”. Non obstante, o decano de Ciencias Sociais e da Comunicación recoñeceu tamén que esa satisfacción non se estende aos índices de participación, que “se ben foi positiva no PDI e no PAS, non o foi no relativo ao alumnado”. Ao mesmo tempo, Corbacho tamén fixo fincapé en que, máis alá dos resultados, a xornada electoral viu marcada polo pesar que produciu no campus o falecemento do profesor de Ciencias da Educación e do Deporte Juan José Crespo, xa que “unha das peores noticias que se pode recibir é a morte dun compañeiro”.

“Agora toca comezar a traballar”, engadiu Corbacho, que avoga por unha “liña continuista” co labor desenvolvido á fronte da Vicerreitoría por Antonia Blanco, que nesta xornada trasladou “todo o seu apoio” ao seu sucesor, “unha persoa nova, con forza, que coñece o campus e pode facer un moi bo traballo”. Ante unha nova etapa que afronta con “ilusión e moitas ganas de traballar”, Corbacho salientou entre os seus obxectivos “a implantación definitiva do proxecto de especialización do Campus CREA para que sexa unha marca internacional de prestixio que beneficie tanto ao campus como á cidade” e continuar traballando no desenvolvemento do proxecto Green Campus. Así mesmo, o candidato a vicerreitor apuntou tamén entre as súas prioridades para os próximos catro anos “a consolidación das titulacións, traballar por conseguir as instalacións específicas que necesitan os diferentes centros e seguir achegando o campus á cidadanía”.

Un candidato a reitor e 254 membros do Claustro sometidos ao ditame da comunidade universitaria
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós