DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 07 de abril do 2008

Tomando como base o carburo de silicio

Tres proxectos do grupo de Novos Materiais están presentes na mostra internacional "Mater in progress"

A exposición culminará coa creación dunha biblioteca permanente


Image Tres modalidades de implantes de carburo de silicio. Esta é a proposta coa que grupo de Novos Materiais, FA3, pertencente ao Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, participa na exposición internacional Mater in progress, organizada en Barcelona polo centro FAD (Fomento das Artes e do Deseño). O obxectivo desta iniciativa é mostrar o importante papel que este tipo de innovacións desempeñan no desenvolvemento tecnolóxico e industrial en todos os ámbitos, dende a biotecnoloxía ao téxtil, pasando polos sectores da agroalimentación, enerxía, construción e transporte.
En canto á composición do material presentado polos investigadores vigueses Pío González afirma que “se trata dun material obtido a partir de precursores vexetais, como madeiras e algas, que reciben infiltracións de silicio”.

Image
O grupo de Novos Materiais, FA3
Romina Vázquez | Vigo
Tres modalidades de implantes de carburo de silicio. Esta é a proposta coa que grupo de Novos Materiais, FA3, pertencente ao Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, participa na exposición internacional Mater in progress, organizada en Barcelona polo centro FAD (Fomento das Artes e do Deseño). O obxectivo desta iniciativa é mostrar o importante papel que este tipo de innovacións desempeñan no desenvolvemento tecnolóxico e industrial en todos os ámbitos, dende a biotecnoloxía ao téxtil, pasando polos sectores da agroalimentación, enerxía, construción e transporte.
Para estar presente na mostra, o grupo, que logrou que fosen seleccionados os tres proxectos que presentou, tivo que competir cos materiais de máis de 4.000 empresas e universidades de toda España. “Unha vez feita a recompilación, un comité de expertos encargouse de seleccionar os 106 proxectos máis representativos da innovación e das novas tecnoloxías”, tal como apunta Pío González, membro do grupo de Novos Materiais.
En canto á composición do material, o investigador afirma que “se trata dun material obtido a partir de precursores vexetais, como madeiras e algas, que, unha vez sometidas a un proceso de carbonización, reciben infiltracións de silicio”. O resultado é un produto de tipo cerámico, pero de pouco peso, polo que goza de boas propiedades mecánicas.
Para comprobar a súa viabilidade como implante médico, xa sexa dental ou cerebral, o grupo levou a cabo probas preliminares con células, concluíndo que se trata dun material biocompatible, pois “o oso crece perfectamente arredor do implante e incluso por dentro do material”, apunta González. As investigacións deixan patente que a resposta biolóxica é similar á do titanio, pero incorpora a característica única da porosidade, o que permite a súa colonización por parte do tecido óseo.

Introducción de melloras sobre o carburo de silicio

Unha das melloras que o grupo introduce sobre o carburo de silicio, e que dá lugar a un novo proxecto, é o recubrimento do implante cunha capa bioactiva de fosfato cálcico, de “composición similar ao oso humano, mellorando así a súa aceptación por parte do corpo”, apunta González. Fronte a outros dispositivos, presenta como principal vantaxe a combinación dunha adecuada bioactividade coas propiedades mecánicas que ofrece un soporte inerte de textura porosa.
Por último, o terceiro dos materiais escollidos para a exposición baséase na “introdución dentro do implante de fármacos ou sustancias que favorecen a autointegración”, segundo palabras de Pío González. Neste proceso, o produto despréndese de xeito gradual a unha velocidade limitada polo sistema de liberación, co que se logra un alongamento do efecto terapéutico. A maior vantaxe na introdución de principios activos ao implante é que a súa acción sería local, evitando efectos negativos noutras zonas do corpo.

Exposición itinerante e Biblioteca de Materiais

A exposición Mater in progress, que ata o 28 de abril se pode visitar en Barcelona, percorrerá posteriormente as cidades de Madrid, Zaragoza, “e outras tres que aínda se están valorando”, segundo González, que engade que “dende o noso grupo propuxemos Vigo como unha das posibles opcións, xa que sería unha oportunidade única para que empresas e universidades galegas tomen contacto coa investigación en novos materiais. Ademais, tendo en conta as escasas iniciativas que se levan a cabo neste terreo, pódese considerar que se trata dunha exposición moi punteira”.
O obxectivo final deste proxecto de recollida de materiais innovadores e novidosos é a creación dunha biblioteca permanente que os profesionais poidan consultar no momento que o desexen. Deste xeito, a súa vocación é a de converterse nun espazo de divulgación, documentación e activismo arredor dos materias e as tecnoloxías asociadas.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós